Monday 29 de April de 2024

Comezan as obras para mellorar a accesibilidade entre as rúas Picavia e Compostela, que estarán conectadas por unha plataforma única


Os traballos, que se iniciaron este luns coa demolición do pavimento da calzada para a súa posterior renovación con lousas de granito, abranguen tamén melloras na rede de saneamento da contorna

O Concello da Coruña comezou este luns os traballos para mellorar a accesibilidade na rúa Picavia, unha intervención promovida a través do servizo municipal de Infraestruturas co obxectivo de remodelar os accesos peonís e do tráfico rodado no treito que conecta coa rúa Compostela.

Neste sentido, as obras en Picavia centraranse, principalmente, no sector norte da rúa, na superficie que vai en paralelo ao túnel de acceso ao aparcadoiro da praza de Lugo. A calzada e a beirarrúa pasarán a estar dispostas en forma de plataforma única, polo que se renovará o pavimento, que se homoxeneizará esteticamente coa rúa Compostela coa disposición de lousas de granito.

A este respecto, e como paso previo á renovación do pavimento, hoxe pola mañá deron comezo os traballos previos de demolición do firme actual da calzada, no punto de acceso de Picavia a Compostela.

A continuación, e aproveitando a intervención, acometeranse tamén melloras na rede de saneamento deste enclave. As novas tubaxes destinadas á recollida de augas fecais e pluviais, de PVC e cun diámetro de 315 mm, substituirán aos colectores antigos, feitos con base de gres e con 200 mm de diámetro exterior.

Por outra banda, e unha vez que se execute a creación da nova plataforma única neste treito, acoutarase o carril de circulación rodada e a área de circulación peonil mediante a instalación de diversos bolardos de caucho.

Sinalización horizontal na contorna da estación de BiciCoruña

Ademais das melloras de accesibilidade previstas no sector norte de Picavia, o servizo de Infraestruturas acometerá tamén o pintado da sinalización horizontal necesaria na contorna da estación de BiciCoruña na mesma rúa, instalada no primeiro trimestre deste ano dentro dos plans de expansión da rede de bicicletas públicas impulsada polo Goberno de Inés Rey.

Para reforzar a seguridade das persoas usuarias do servizo e facilitar a saída dos vehículos de BiciCoruña, delimitarase un pequeno carril lindeiro coa estación pola súa esquerda, e pintarase un sinal de ceda o paso para que as bicicletas respecten o paso de vehículos en dirección ao treito de circulación rodada e cara a rúa Compostela.